Monday 29 de April de 2024

Silvia Abril, Eva Hache, Dani Rovira, Eva Soriano, Ana Morgade, Touriñán e Leo Harlem, entre outras figuras, participarán no Encontro Mundial de Humorismo 2023


Manuel Burque, Henar Álvarez e Quique Peinado presentarán por primeira vez en Galicia ‘Buenismo Show’ mentres que Carolina Iglesias e Victoria Martín gravarán un programa especial do seu podcast desde o castelo de Santo Antón

O arxentino Juan Barraza estreará en España ‘Garabato controlado’ durante a celebración do EMHU, que acollerá a estrea absoluta dunha nova gala, ‘Animus Iocandi’, e de dúas propostas: ‘As R(h)umorosas’, de Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola, e ‘Ansia viva’, de Oswaldo Digón

As entradas do EMHU 2023 sairán á venda o vindeiro xoves, 9 de marzo, a partir das 12.00 horas, na páxina web oficial do festival, www.emhu.es e na Ataquilla.com

Silvia Abril, Eva Hache, Eva Soriano, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Leo Harlem, Dani Rovira, Ignatius Farray, Xosé Antonio Touriñán, Pantomima Full, Javier Cansado, Javier Veiga e Luis Piedrahita, entre outras moitas figuras, participarán na terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 28 de abril ao 7 de maio.

A programación do festival, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e que conta co apoio do Concello da Coruña e Estrella Galicia, incluirá a gravación dun programa especial de “Estirando el chicle” (Premio EMHU Fenómeno 2022) desde o castelo de Santo Antón, ou a estrea en Galicia de “Buenismo Show”, o espectáculo de Manuel Burque, Henar Álvarez e Quique Peinado baseado en “Buenismo bien”, o programa radiofónico que presentan. Tamén como novidade, o EMHU acollerá a estrea en España de “Garabato controlado”, o último show do arxentino Juan Barraza; e a estrea absoluta de dous novos traballos de humoristas de Galicia: As R(h)umorosas, creado por Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, e Ansia viva, de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero.

O Encontro Mundial de Humorismo é a gran cita coa comedia en directo. Na súa últimaedición, na que contou coa presenza de Andreu Buenafuente e con funcións de La VidaModerna Live Show ou Saldremos mejores, entre oturas propostas, sumou máis de 19.000 espectadores. Nesta ocasión, o EMHU reúne durante dez días na cidade herculina as figuras do humor máis relevantes do momento en España en propostas únicas e exclusivas que só se poden ver nesta cita. É o caso de “Humoris Causa”, que este ano xuntará a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera; ou de “Fantastic Colofon”, a gala de peche do evento, que desta quenda contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e o director artístico do festival, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Como novidade, o EMHU celebrará a estrea absoluta dunha nova gala de produción propia de gran formato, “Animus Iocandi”, coa que o evento regresará ao recinto de Palexco para ofrecer unha sesión rebordante de sorrisos da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril.

Fiel ao seu espírito, o EMHU tamén programará sesións dalgúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de “La capital del pecado 2.0”, de Juan Dávila, que se estreará en Galicia no marco do festival, ou “La Ruina”, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes que promete ser un dos momentos máis inolvidables da edición. Tampouco faltarán esta primavera á súa cita coruñesa co EMHU Ignatius Farray, que presentará “La comedia salvó mi vida”; ou os protagonistas de “Sin datos no hay paraíso que”, logo da súa estrea absoluta no EMHU 2022 e de xirar por distintas cidades da península, regresa ao festival para festexar a súa graduación teatral da man de Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño.

A programación de pago do EMHU 2023 achegarase, ademais, á pantalla grande. O 30 de abril proxectarase por primeira vez en Galicia, no Teatro Colón, ‘Amigos hasta la muerte’, a adaptación cinematográfica escrita e dirixida por Javier Veiga da exitosa obra de teatro e que se estreará este mes no Festival de Málaga. Será unha sesión especial que contará cun breve coloquio e espectáculo no que se citarán, ademáis do propio Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Touriñán. Esta será a primeira mesa redonda que teña lugar na edición de 2023 do EMHU, nun evento no que se celebrarán diferentes encontros e iniciativas abertas ao público no marco da programación de actividades paralelas, que se dará a coñecer proximamente.

ENTRADAS E ABONOS Á VENDA

O vindeiro xoves, 9 de marzo, ás 12.00 horas, activarase a través do espazo web oficial www.emhu.es e da plataforma www.ataquilla.com a venda de entradas das sesións de pago do EMHU 2023, que terán lugar en cinco recintos diferentes: a sede de Afundación, o Castelo de Santo Antón, o Palacio de Congresos y Exposiciones de A Coruña (Palexco), o Pazo da Ópera e o Teatro Colón.

Tal e como vén sendo habitual nas distintas edicións do festival, o público tamén poderá adquirir algún dos catro tipos de abono:
● Abono bueno (60€) | Humoris Causa + Animus Iocandi
● Abono bueno bueno (76€) | Juan Barraza: Garabato controlado + La Ruina + Animus Iocandi + Fantastic Colofon
● Abono bueno, de lo bueno lo mejor (76€) | Buenismo Show + Sin datos no hay paraíso + Humoris Causa + Ignatius Farray; La comedia salvó mi vida + Amigos hasta la muerte
● Abono bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor lo superior (130€) | Buenismo Show + Sin datos no hay paraíso + Humoris Causa + Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida + Amigos hasta la muerte + Animus Iocandi + La Ruina + Fantastic Colofon